Saturday 20 de April de 2024

As Somozas destina máis de 50.000 euros para a ampliación da rede de abastecemento de auga


 Trátase de catro proxectos xa adxudicados mediante os cales se estenderá a canalización ata os núcleos do Carabullo, O Xunco, a Escola de Seixas, Latas, Pena do Pazo e Bustabade.

 O alcalde, Juan Alonso Tembrás, destacou que “o Concello segue a traballar na mellora das infraestruturas municipais, neste caso, con proxectos financiados con fondos propios, para dotar a todos os fogares das Somozas cuns servizos de calidade”.

O Concello das Somozas destina un total de 51.788,72 euros á ampliación da rede de abastecemento de auga potable no termo municipal. Estenderase a canalización ata os núcleos do Carabullo, O Xunco, a Escola de Seixas, Latas, Pena do Pazo e Bustabade.

Trátase dun total de catro proxectos financiados con fondos propios. O primeiro deles contempla a ampliación ó Carabuxo e O Xunco, na parroquia de Seixas, por 18.921,35 euros. Estenderanse 1.150 metros de tubaxe de polietileno de 40 milímetros de diámetro.

O orzamento para a actuación na Escola de Seixas será de 8.298,18 euros.

Neste caso dotarase o servizo de 230 metros de tubaxe de polietileno de 64 milímetros de diámetro.

En Latas, tamén na parroquia de Seixas, dispoñeranse 620 metros de canalización do mesmo material e con 40 milímetros de diámetro. A partida destinada é de 10.861,08 euros.

Finalmente, os núcleos de Pena do Pazo e Bustabade contarán con 950 metros de tubaxe de polietileno de entre 63 e 40 milímetros de diámetro por 13.708,11 euros.

Segundo explicou o alcalde, Juan Alonso Tembrás, estas actuacións demostran que “o Concello segue a traballar na mellora das infraestruturas municipais para dotar todos os fogares das Somozas cuns servizos de calidade”.